28 Setembro 2005
23 Setembro 2005
hoxe boto fume polas orellas. Así foi o día:
7:20.- Érgome e dúchome (hoxe, do almorzo xa nin falamos).
8:00.- Chamo o pelacho, axúdoo a se vestir, doulle o almorzo e saímos para o cole.
9:02.- Chego ao café acordado onde me reúno cos meus compis para ir a Castropol, onde temos reunión da delegación.
9:20.- Saímos.
Creo que 10:00.- Parada técnica en Vilalba co resto do equipo para tomar a tortilla no bar de sempre, que é un destes macronegocios familiares onde paran todas as excursións a repostar.
11:30.- Chegada a Castropol e comezo da reunión.
7:00.- final da reunión e saída de volta para casa.
8:45.- Chegada a Matogrande onde recollo o meu coche e vou buscar os pelachos a casa da avoa da Coruña, que xa lles dera a cea.
9:00.- Chegamos a casa no momento que están a timbrar na porta os amigos portugueses que esperabamos para dentro de dous días. Souberamos do adianto onte, que recibimos un imeil (gosto, imeil. Por que sempre nos esforzamos por conservar a grafía orixinal dos anglicismos coa pronuncia nosa, ou algunha convención estraña que dá en casos célebres como o feito que un pai chamado Kirk Duglas teña un fillo de nome Michael Daglas(Ou Maiquel :)). Vaia, dicía que onte recibimos un imeil escueto, como escueto e en case todo o amigo Amadeu, que chegaría 22 ou 23 "com a chavala que dorme comigo". Á noite telefonou para dicir que chegaría a iso das 7:, hora en que habitualmente eu estou xa na casa, mais eu chegaba ás 9:00 (non me quero repetir mais tras un día esgotador con mareo de coche incluído; eu, que non sei como saben os chicles para o mareo, aínda que os tiña pedido moitas veces, teño que recoñecer). Chegaba ás 9:00 e alí estaban o Amadeu e a Encarnaçao, a timbrar na nosa porta. Non sei se mo dirían para alegrarme mais parece ser que acababan de chegar e non tiveran que agardar por nós.
Subimos a casa, servinlles unhas cervexas, deitei os pelachos e o amigo amávelmente, como todo fan os portugueses, obrigoume a facerlle un relato pormenorizado do que fora a nosa vida neses últimos seis anos que había que non nos viamos. Dsepois fíxeno pasar polo mesmo transo.
10:45.- Fágolles saber que a nosa neveira está máis baleira que a de Carpanta, que todás as materias susceptíveis de seren se encontran no conxelador e que eu non teño ánimos para cociñar. Podería encargar comida fóra pero non teño máis de 5 € no peto porque lle prestei os 100 € que tiña á empresa para non termos que ficar a lavar pratos no restaurante onde nos reunimos e, como tampouco me apetece pedirlles que a paguen eles, nin a eles se lles ocorre... pois déixoos marchar até mañá, que papá e a pelacha andarán con eles por aí mentres eu vou traballar e o pelacho ao cole.
10:30.- Falo con miña nai. Cóntolle do día e dígolle como facemos mañá cos nenos.
10:50.- Falo coa tía, que me mandou un sms dicindo que o primo xa non quere voltar á escola e que o van deixar sen ir este ano, que aínda non fai os tres até novembro e que ten moito tempo. Paréceme ben. Agora estamos coincidindo moi pouco pero entre o que nos informa a nosa nai e as chamadas que nos facemos creo que non nos estamos a perder nada.
11:10.- Falo co papá. Ambos acusamos o cansancio destas semanas. Ambos temos ganas de falar abrazados até ficar durmidos, Ambos temos ganas do fin de semana para estar convosco de outra maneira.
11:40.- Como unha galleta, fumo un cigarro de herbas, bebo unha CocaCola e sento ao ordenador a contarvos como foi o día. Neste momento estou a vervos moi maiores e sempre vos imaxino a rir. A risa é a expresión predominante nas vosas faces agora e gostarei de que o siga a ser por moito tempo.
12:30.- Chega papá e agora apagarei o ordenador.
22 Setembro 2005
14 Setembro 2005
13 Setembro 2005
12 Setembro 2005
10 Setembro 2005
Expliqueiche que cando desen as dez teríamos que desconectar a consola e que che pedía que non protestases porque o tería que facer de igual modo e cumpriches co que dixeras. A continuación, camiño da cama, dixécheme que te portaras moi ben todo o día e eu alegreime moito porque sei que cando o dis é de verdade.
Sempre teño a sensación de que escribo menos sobre a pelacha, pero é porque só ten quince meses e tamén porque o pelacho non ten acougo. Quedábame un detalle do outro día. Comentoume meu pai que unha tarde, entre os moitos paseos que dá pola casa dos avós, foi dar no baño porque lle gusta moito verse no espello de corpo enteiro. Tras unha morea de grazas e aloumiños á nena do espello, o avó díxoche que te despedises dela e dixeche adeus coa man. Mais cando andaras xa cinco ou sei pasos cara á sala, parache en seco e volveche para comprobar se realmente marchara. Levache sorpresa de vela alí de novo. Repetiche a proba unhas cinco veces e debéchela dar por imposível porque non volveche máis.
Andades os dous con catarro, a pelacha con mocos e o pelacho con resfriado intermitente, hoxe si, mañá non e así xa uns cantos días. O papá e máis eu andamos a piques de caer rebentadiños coa infección de gorxa que carretamos desde hai un par de días mais, se cadra, non acabamos de ter febre. Hoxe dubidei entre comezar a tomar antibióticos ou non, por iso de non abusar, pero botei contas dos anos que levaba sen levar á boca un mal Clamoxil e xa había vinte. Non creo que isto se poida chamar abuso. Lembro perfectamente que pillara unha gripe de cabalo que me quería deixar sen cantar no festival do instituto mais cuns bons pinchazos (daquela sempre te pinchaban cando tiñas febre) triunfamos cunha canción de Fuxan Os Ventos chamada Irmaus. Aquilo foi no curso 85/86, cando facía eu Terceiro de B.U.P.
06 Setembro 2005
Para o pelacho a palabra experimento soa a maxia. Está convencido de que acabará dando coa proporción axeitada que fará que a mestura de café, auga, cervexa e cocacola (os restos líquidos da mesa de todos os días) estoupe. Cre isto coa mesma seguridade que non o deixa crer nos Reis Magos, igual que non existe Superman (para que non trate de imitalo) nin os vampiros (para que non teña máis pesadelos con eles) nin existían, pensaba el, os ladróns até que caeu na conta de que, se nunca os ve, non é porque non existan senón porque se se deixasen ver serían capturados imediatamente.