17 outubro 2005

Non quería deixar de lembrar que o pelacho xa tivo a súa segunda sesión de patinaxe e foille notabelmente mellor que na primeira. Nesta ocasión tamén o papá levou os seus patíns e patinaron os dous. Xa se mantén moito máis tempo sen visitar o chan e comeza a manexar a inercia e o contrapeso. Está encantado! Ao marchar volveu dicir iso de que xa "case" sabe patinar e, como viu tanto progreso do primeiro ao segundo día, está desexando experimentar de novo para ver con que nova agradábel sorpresa se encontra. Eu non me animei desta volta porque, aparte de que alguén tiña que ter conta da pelacha, que non está disposta a pasar o tempo na súa cadeira ollando para os mais, aínda teño demasiado viva a lembranza do último ataque de lumbago, hai escasamente un par de meses, e non está o forno para bolos.
Nestas últimas semanas avós e tíos non paran de dicirnos o que asentou o pelacho ultimamente, tras un verán pródigo, digamos, en traballo corpoa corpo, de moito polir e suavizar. Contan, e nós estamos de acordo, en que se lle nota que non hai que dicirlle as cousas vinte veces nin andar con chantaxes nin ameazas, que eu andaba xa até a moña das oracións condicionais... e todo voltará, ben certo, mais polo momento, desfrutamos todos desta etapa certamente harmónica.
Onte lembreille que este venres terá a festa de aniversario de Alexia e sorriu con moita ternura. Gostas de Alexia?, pregunteille. Si, pero ela está namorada de Marcos pero di que non pode ser porque Marcos é moi traste. E gostas de alguén máis? volvín preguntar. De Ana Álvarez pero non me fai caso porque está namorada de Serguei e ademais porque son traste. Eu lembro que sempre gostaba dos trastes da miña clase, dos que tiñan pinta de teren vivido mil aventuras que au aínda non podía nin imaxinar, pero vese que, como na Carapuchiña vermella, moito cambiou o conto.

Sem comentários: