18 outubro 2005

Pola tarde chovía a todo chover cando voltamos para a nosa casa desde a dos avós da Coruña. Deille ao pelacho a posibilidade de botar media horiña na Play explicándolle que hoxe non podería xogar co papá porque mañá é día de cole e xogaríamos a algo todos xuntos. Pues no juego, que me aburro, dixo e pensou que facer unha manualidade era unha alternativa mellor. Puxemos a pelacha uns minutiños no parque mentres escolliamos os materiais necesarios. Ela devecía por agarrar todas aquelas peciñas de mil cores con que o pelacho había de facer un letreiro co seu nome para a porta do cuarto. Mans á obra e a pelacha fóra do parque a intentar por todos os medios apañar as pezas do "art atack" do pelacho e eu non paraba de dicir cousas do estilo de pero pelacha, que ti non podes andar co pegamento, que non tes cinco anos como o pelacho, pero que non podes collerlle as pezas, que temos que deixalo traballar tranquilo... e o pelacho poñía cara de satisfacción de ver a súa obra tan considerada.
Despois chegou o papá e seguimos a xogar os catro e a bailar ao son dos Red Hot Chilli Peppers, que son dos grupos favoritos do pelacho xunto con Pearl Jam, os Kinks, Will Smith e Marilyn Manson.
Este venres será a xuntanza de mais e pais no cole. Irei eu soa porque o papá non sae de traballar a tempo. O pelacho dime que ben seguro Balbina me mostrará as súas fichas e que as hai ben feitas e mal feitas. Preguntámoslle como pode ser iso se nos estivo dicindo día a día que as facía sempre con moito coidado e repite que hai de todo. Entón dicímoslle que aínda está en tempo de facer ben curiosiñas as de tres días seguidos até venres e pregunta se o castigaremos se non o fai. Dicímoslle que non é cuestión de castigo mais que se non fai ben o traballo é probábel que Balbina nos suxira que debe practicar na casa até que lle saian as cousas ben e que será o que terá que facer todos os días ao chegar, até que se vaia vendo a melloría. Vounas facer xenial, xa veredes! Foi a súa resposta e cambiamos de tema...
A pelacha xa di o seu nome cando lle preguntamos como se chama a nena, chama por papá cando non está, di caca e avisa cando a fai e segue a dicir un escueto e amábel non cada vez que lle propomos algo que non lle apetece, como mudar o pañal ou ir durmir.

Sem comentários: