30 novembro 2005

-Gracias por peinarme, mamá.
-De nada, home.
-Para ti... lenguas de sabores!
-E iso que é?
-Son... una variedad! Puedo encender la tele?

27 novembro 2005

E de novo hoxe:
-... y te hago un ataque de cola férrea!
-E sabes o que significa férreo?
-Significa que es de ferro. ¿Ves como lo recuerdo perfectamente?

26 novembro 2005

-Mamá, ¿sabes cuál es el Pokemon más poderoso?
-Non, cal é?
-Es este, porque tiene cola férrea.
-E ti sabes o que significa férreo?
-Claro. Significa que lanza un rayo azul.
-Mamá, existen los canarios?
-Claro.
-¿Y tienen la cabeza tan grande como Piolín?
-Nooooooooooooooon, fillo, non.

23 novembro 2005

A pelacha ten gana de falar. Nestes últimos catro ou cinco días comezou a repetir as cousas que lle dicimos e a que lle propomos que repita. Chama Caqué ao pelacho, aela á avoa materna, Go ao tío Diego, ta á avoa paterna, Teté á tía Teresa, di xatá por xa está, bapa por guapa, aba por auga e teta á canucha para que estea quieta. Do nada ao todo en cero segundos!
Tras moito desenguedellar soubemos onte que o pelacho fora castigado por trabar a Dani nun brazo, quen á súa vez trabara a Brais nunha fazula, cando xogaban ao xogo de todos os días no recreo: S., o xefe da banda, escolle cada día quen vai formar comando con el, elixen unha vítima e perséguena até que a pillan e bótanse todos enriba dela. Mais onte a cousa chegou a maiores e a profe acabou repartindo castigos. Ao pelacho correspondéronlle dous días sen recreo.
Anda moi alterado, como se todo lle dese igual, como se xa estivese catalogado como gamberro e xa non tivese nada que perder. Obviamente ante el apoiamos todo o que di a profe mais non nos entra na cabeza como un grupo de cativos de cinco anos pode xogar á caza humana no recreo día tras día. O próximo luns irei falar coa profe, escoitareina e por primeira vez en dous anos e pico creo que lle vou dicir polo menos parte do que penso. Somos perfectamente conscientes de que o pelacho anda sempre a forzar os límites, de que por sistema pon atrancos para non facer aquelas cousas de que non gosta e de que precisa a nosa axuda para madurar en todos os aspectos da vida e neste en particular, mais tamén creo que, do mesmo modo que se ensina os nenos a ler, a escribir ou a falar e comunicarse, tamén é preciso ensinalos a xogar e é algo que non se está a facer en moitos colexios.

22 novembro 2005

O regreso ao cole do pelacho está a dar nuns días unha miga revirados. Anda a recibir castigos seguido, mais disto quero reflectir con tranquilidade nun momento en que non estea a dez minutos de me meter na cama. O que quería lembrar agora é que hoxe, cando voltamos para casa desde o parque, e el facíase o xordo a cada cousa que lle diciamos, decidimos sentalo a "pensar" quince minutos. Os cinco primeiros por andar a apañar obxectos de vidro nunha tenda a pesar dos nosos reiterados avisos, os cinco segundos por dicir que lle parecían moi ben os primeiros cinco. E os terceiros por soltarse de nós ao cruzarmos a rúa:
-Ben, pelacho, xa sabes o que che toca agora, non? deixamos os (sic.) rollos.
-Iso, iso, cerramos os ollos! Respondeu.
-Nada de cerrarmos os ollos, digo que xa sabes onde tes que ir, non? Dixen eu contendo as ganas de rir a cachón.

21 novembro 2005

PRIMEIRO DIÁLOGO COA PELACHA

Seu irmán ensinouna, como non, a dicir caca. Hoxe no carro tivemos o que se pode chamar o noso primeiro diálogo.
Con mimo: -Mamá.
-Ai, como gosto de que me chames mamá.
-Mamá!
-Gosto un montón de que me digas mamá.
-Caca!
-Como que caca?
-Mamá caca!
-Como que mamá caca? Oh, caca non, pelacha. Eu non son caca.
-Mamá caca no!
Primeira frase de tres palabras.

20 novembro 2005

O pelacho leva unha semana na casa con antibióticos. Xa lle fai moita falta troulear na rúa pero por outro lado está moito máis sosegado cando non vai ao colexio. Non son desas nais que andan a protestar seguido nos colexios dos fillos, de feito nunca o fixen, mais tamén é verdade que non gosto de que pasen horas e horas a colorear sen medida nin que o xogo principal do recreo sexa a loita en hordas. Que lle imos facer!
Tampouco gosto de que lles poñan castigos que logo non se cumpren, nin que os leven á aula de relixión cando non hai profe libre que fique con eles, nin que nas reunións de pais/nais a mestra fale de nenos e pais/nais que non están presentes, por poñer algúns exemplos. Mais, como dicía, non protestei nunca. Talvez debería telo feito pero eu sentinme marcada durante toda a primaria porque miña nai era mestra no meu colexio e meu pai o director, e sei o que é non gozar de anonimato.

18 novembro 2005

LA TELEVISIÓN ES NUTRITIVA

Pola rúa de Chile. Pasa un camión do Corte Inglés e di o pelacho:
-El Corte Inglés: Festival de complementos! Como quen cae na conta de algo que tiña esquecido.

É case a hora da cea, o papá está nunha xuntanza de veciños cun construtor para ver se se chega a acordo para derrubar e construír de novo o edificio onde vivimos e os adxacentes. A pelacha sinala o berce de viaxe que utilizamos para deixala en momentos puntuais en que non podemos atendela, como cando chaman á porta ou cando estamos na ducha.
-Queres ir para o parque? (con sorna porque sei que normalmente non gosta).
-aha! e de seguido sinalou a tele.
-Ah, queres ver os Teletubbies como pola mañá...
-AHÁ
Pois quería!

15 novembro 2005

Caemos na conta de que aínda non comentaramos co pelacho que as nosas amigas M e D casaban, supoño que porque falamos con frecuencia da voda e porque os pelachos non van vir connosco esta vez.
-Non sei se te diches conta de que ultimamente falamos moitas veces da voda de M e D.
-ahá
-pois é que dentro de 3 semanas casan.
-¿Cuánto es 3 semanas?
-21 días.
-21 días! Dixo con asombro. E por que casan?
-Pois porque están namoradas e queren facer unha festa cos amigos.
-Yo quiero ir!
-Ti esta vez ficarás cos avós porque é unha festa en que hai que estar sentado á mesa desde a hora de comer até a noite...
-Ah, vale. Pero me quedo a dormir también, eh!
-Por suposto!
-Y por que está enamorada M de D? Preguntou con expresiçón de non comprender?
-Unha muller pode namorarse dun home. De quen estou eu namorada?
-De papá!
-Un home pode namorarse dunha muller. De quen está namorado papá?
-De ti!
-E unha muller tamén pode namorarse doutra muller e un home doutro home, e poden casar se queren.
E entón veu a gran pregunta:
-E se un home se namora dunha muller e tamén dun home poden casar os tres?
-Pois non, polo momento non.
-Por que?
-Pois porque aínda non hai moita xente que o queira facer, supoño...
-Por que?, preguntou con moita sorpresa.
-Imaxino que porque é mais complicado organizarse entre tres que entre dous.
Pero pola cara que me puxo creo que non entendía que era o que tiña a ver o amor coa organización.

12 novembro 2005

BREVES

1.- M. e D. casan (a unha coa outra) o cinco de decembro. Deciden facer separación de bens e procuran notario nas Páxinas Amarelas. Como non teñen referencias de ningún escollen a única muller que aparece na listaxe. Resulta ser seca e opusina. Non podo evitar rir.
2.- Irene, a filla de Alicia e Aure, nacida hai case dous meses con outros dous meses de adianto e un quiliño de peso, xa está na súa primeira casa cos seus papás. Alégrome infinito polos tres.
3.- Mércores operaron a Sonia dun tumor nun peito. Perece que todo saiu tan ben como se esperaba. Só fica agardar os resultados da última proba. Serán óptimos. Estou certa.
4.- Tras meses de pensar que o meu posto de traballo tiña os días contados, comunícannos a noticia de que a empresa ten un novo plan de viabilidade que "asegura" a súa pervivencia até 2011. Por unha banda fico máis tranquila, por outra máis atada. Eu que xa andaba a deixar a miña imaxinación á solta... a pensar en todas as grandes aventuras laborais que sería quen de emprender, para perplexidade do papá... xa veremos. Sempre pensei que nunca me sentiría atada a un posto de traballo, nin aínda que fose de funcionaria, así que moito menos a un na empresa privada.
Este punto xa está a deixar de ser breve mais... non sei... a idea dunha escola de escritura, talvez para nenos e nenas, cada vez me ronda a cabeza con máis frecuencia.
Onte andabamos de compras e recados varios pola rúa. Eu precisaba xerseis, fomos informarnos a un xinasio do barrio para que o pelacho comece aulas de xudo (así asegurámoslle desfogue físico un par de veces por semana independentemente de que chova ou trone) e el non paraba de rañar a cabeza, mais como é algo que lle acontece con frecuencia cando súa, non reparamos en que a causa da picazón podía ser outra até que comezou a contarnos que estiveran falando dos piollos no cole. Pois has ter piollos, meu fillo. –E que son os piollos? –pois son uns bichiños que van ás cabezas da xente e se alimentan do sanque que chuchan cando te pican. –E son máis grandes ou máis pequenos que os xermes? –Máis grandes. Os xermes son seres microscópicos, que só se ven co microscopio, de tan pequenos que son. –Ah, teño piollos! E desde ese momento dedicouse a contarlles a todas as persoas con que se cruzaba que tiña piollos: -Teño piollos! dicía todo orgulloso. –Os meus piollos. –Teremos que ir mercar matapiollos á farmacia. E alí fomos. O pelacho dixo que quería pedilo el. –Quiero matapiollos. A rapaza da farmacia ollou para min e preguntoume se queriamos champú ou loción. –Se o champú é igual de efectivo que a loción, levaremos o champú, dixen eu. Entón o pelacho comezou a chorimicar e a dicir: -Eu non quero champú, eu quero matapiollos! –Pero neniño, que pansabas ti que era o matapiollos, unha pistola? estamos a falar dun champú que mata os piollos! E xa ficou convencido.
Hoxe contoume a tía T. que onte a estiveches interrogando sobre os xermes, que non sei onde terás escoitado falar deles pero parece que son algo de gran interese para ti estes días. Díxome que en nada se viu falándoche de xermes patóxenos e xermes inocuos e que se lle facía raro ter esa conversa cun neno de cinco anos mais que eran tales o teu interese e a túa atención, que lle soou perfectamente natural. Por certo, papá tamén pescou os piollos e tamén houbo de botar o famoso champú. A verdade é que levaba un par de días a se queixar de que lle picaba moito a cabeza e eu non facía máis que dicirlle que había de ser polo nerviosismo destes últimos días tan complicados no traballo, polos cambios de turno e esas cousas.
A pelacha estreou esta mañá a súa primeira minisaia (de pana azul clariño con xersei de colo de cisne e leotardos a listas a xogo). Que contenta se puxo cando se viu así vestida! Que presumidiña é! cada vez estou máis certa de que non ha pasar moito tempo até que nos pida que lle furemos as orellas para poder levar pendentes. Tempo ao tempo.
Pola tarde fomos ao médico. Resultado: pelacha con catarro nasal forte e pelacho con pequena insuficiencia respiratoria provocada polos mocos e unha forte tos. Comezamos coa primeira quenda de inhaladores do curso 2005/2006.

08 novembro 2005

A pelacha acordou varias veces esta noite chorando desconsoladamente. Tiramos a conclusión de qur fora polo ruído dos camións do lixo e os que baleiran o vidro para reciclar ás cinco da mañá (que ecolóxico!) que pasan por baixo das nosas xanelas de vidro como o papel de fumar. Hoxe de mañá, cando a fun vestir díxenlle: ...e esta noite choraches moito... –ha!, respondeu ela, que é como di que si. –Choraches moitas veces... –ha!, volveu dicir. –e por que chorabas, neniña? Entón, sinalando a xanela coa man indicando movemento de ir e vir dixo: -ah, ah, ah! –Pasaban os carros? os camións? e ela respondeu: -ha!, satisfeita porque a tivese comrendido. É incríbel como se pode comunicar cunha persoíña de dezasete meses.
Por outro lado o pelacho preguntoume onte no carro sen vir a conto: -Mamá, que é a alma? Eu fiquei seca coa pregunta e díxenlle –Onde escoitaches ti falar da alma? para saber o tipo de resposta que debía darlle. –Nunha carta de Duel Masters, que ten o poder de roubar almas. A verdade é que xa pensei que o volveran meter na aula de relixión no colexio mais parece que por esta vez non fora así e comecei a elaborar sobre a marcha unha resposta minimamente aceptábel para el: -Pois mira, en primeiro lugar hai xente que cre que a alma é algo que non existe e hai outra que si. É algo que non se pode ver nin tocar, por iso hai xente que non cre que exista, mais a xente que cre que existe di que é unha parte das persoas que é a que fai que sintamos amor polos mais, que teñamos vontade de facer as cousas ben (non lle dixen por sermos bons porque o de ser bon ou mao, aínda que nós sempre evitamos dicirllo é algo que lle está a traer bastante complicación) e que desexemos que os mais sexan felices. –Ah, está ben. E con iso ficou satisfeito por esta vez.

04 novembro 2005

Son moi feliz. Por suposto que mudaría determinadas cousas da miña vida, todas externas ou circunstanciais, mais creo que son moi feliz porque costumo andar todos os días moi contenta, incluso cando vos vou recoller ás carreiras á saída do traballo, porque cada minuto máis que consigo pasar convosco é o mellor presente do día. Teño a sensación de estar a vivir a vida que escollín, no importante, claro, de non estar presionada por cargas de que outros falan. O papá di que somos medio hippies e nos conformamos con pouco e que por iso hai xente que pensa que todo nos vén dado, que estamos na verza, que vivimos na inopia, onde for que estiver; que moita xente non viviría nunha casa como a nosa, aínda que non tivesen que pagar por ela, non pasarían por non facer grandes viaxes, aínda deixando os pelachos cos avós, anteporían un bon coche a moitas cousas que para nós están antes, ou non renunciarían as súas “liberdades” fosen estas o que foren.

03 novembro 2005

Creo que acabamos de saír duns cantos días, polo menos dez, de pouco obedecer e moito desacougo por parte do pelacho que parece que xa van ficando atrás. Coincidiron cun momento de bastante complicación laboral tanto para o papá como para min e, así como a pelacha semellou non reparar, o pelacho mostrouse vivamente revirado. Agora que voltamos á calma nese sentido o pelacho voltou tamén ao rego.
Sábado fomos coñecer a nova casa de Loli e Eduardo, uns amigos que non vemos con moita frecuencia mais que queremos e nos queren de corazón; son desta xente que debe estar sempre ocupada en desexar o ben para os mais. Foi mágoa que chovese toda a tarde e non poidésemos dar nin un pequeno paseo por tan belo lugar mais houbo partida dun xogo de mesa moi entretido, conversa entrecortada para nos poñer ao día e suculenta merenda que nos tiñan preparada. O pelacho marchou cunha castaña, ten o costume de querer levar algo de todas as partes onde vai, e ao chegarmos a casa reparamos que arramplara cun pano bordado, seguramente da paneira, para que a castaña non lle queimase as mans. Ao día seguinte falamos por teléfono e non o botaran en falta. Xa temos escusa vara o próximo encontro… como se fixese falta.
Á noite viñeron pola casa Óscar e Suso e como sempre o sono nos pillou por sorpresa antes de que chegásemos a falar unha mínima parte de todo o que teriamos gostado. Agora que non facemos saídas nocturnas, é unha delicia recibir as visitas dos amigos, que veñen sempre cargados de ar fresco que deixar na nosa casa.
Domingo convidamos os avós maternos a xantar na nosa casa aproveitando que o resto da familia andaba de viaxe. Con catro pelachos que xuntamos entre nos e a miña irmá xa non é posible xuntarnos todos na nosa casa, non dan os metros nin os asentos.
E martes, día da Constiyución, convidounos miña irmá a xantar no Asador polo seu aniversario.

02 novembro 2005

Cantos días sen escribir nada, como se nada tivese acontecido. A última cousa de que vexo que falo é a primeira excursión do pelacho co cole. Pois ben, foi ver unha obra de teatro dunha compañía italiana sobre as estacións do ano e gostou moito, moito. Tan inquieto que é en xeral e como desfruta de calquera tipo de espectáculo que se lle poña diante dos ollos! Lembro unha vez, tería el tres anos, que houbo unha representación ao ar libre na explanada do Corte Inglés dunha adaptación do Lazarillo de Tormes. Pensamos que cansaría aos cinco minutos mais viuna toda sen buchicar. Tamén gosta moito das palabras, advirte sempre a rima casual nunha conversa calquera e xoga a rimar. Tamén escolle sempre con coidado as palabras entre todas as que a súa cabeciña almacena ben ordenadas. Así, non resulta estraño escoitalo dicir que o seu papá lle “eliminou” as burbullas da Fanta para que non lle piquen ou que unha caixa “contén” a saber que cousas…