20 outubro 2005

Mañá o pelacho fai a primeira saída do curso coa súa clase, van ver unha obra de teatro ao Fórum. Para poder prender a identificación no mandilón Balbina pediulles que levasen un imperdíbel de seguranza, deses que usaban nosas nais para prendernos o chupete e fómolo comprar. Tivemos que levar un paquete de seis, dous brancos, dous rosas e dous azuis e nun momento pregunteille ao pelacho cal prefería. Levarei un ros, dixo e por un momento pensei que talvez se meterían con el no cole e que facilmente podería convencelo para levar o branco mais decidín non facelo, porque se tiña decidido que o rosa era o seu preferido non podía estragar eu o seu criterio, como non o tiñamos feito até agora. É fantástico.
A pelacha pásao bomba rexeitando o irmán cando quere achuchala de máis. Descobreu que pode facer del un pandeiro e que é un terreo en que se desenvolven de igual a igual. O que tal se aprende dos irmáns maiores.
Mañá irei á reunión coa profe do pelacho. Teño unha curiosidade tremenda por ver que me conta mais dáme a impresión de que me vai dicir que madurou nalgúns aspectos, que se ve máis asentado pero que segue a ser moi impulsivo e bule-bule e que se el quixese podería facelo todo moito mellor. Moito me soa esa historia e sei que non é ben así.

Sem comentários: