02 novembro 2005

Cantos días sen escribir nada, como se nada tivese acontecido. A última cousa de que vexo que falo é a primeira excursión do pelacho co cole. Pois ben, foi ver unha obra de teatro dunha compañía italiana sobre as estacións do ano e gostou moito, moito. Tan inquieto que é en xeral e como desfruta de calquera tipo de espectáculo que se lle poña diante dos ollos! Lembro unha vez, tería el tres anos, que houbo unha representación ao ar libre na explanada do Corte Inglés dunha adaptación do Lazarillo de Tormes. Pensamos que cansaría aos cinco minutos mais viuna toda sen buchicar. Tamén gosta moito das palabras, advirte sempre a rima casual nunha conversa calquera e xoga a rimar. Tamén escolle sempre con coidado as palabras entre todas as que a súa cabeciña almacena ben ordenadas. Así, non resulta estraño escoitalo dicir que o seu papá lle “eliminou” as burbullas da Fanta para que non lle piquen ou que unha caixa “contén” a saber que cousas…

Sem comentários: