16 fevereiro 2006

Hoxe, como onte, cheguei tarde á casa porque andamos con xornadas de formación na empresa. Polo menos cheguei en tempo de vervos cando xa iades para cama, arrouparvos e cantarvos unha canción antes de durmirdes. Estaba deixándolle unha bolsa de auga quente ao pelacho e falando das cousas que fariamos na fin de semana cando a pelacha fixo algo que ao pelacho nunca lle dera por facer. Como aínda non tiña a barreira posta na cama, baixou dela e apareceunos toda rufa no cuarto do pelacho a mostrar a súa satisfacción pola proeza. Custoume moito traballo reprimir as gargalladas mais conseguino a fin de que a anécdota non sentase tradición diaria. Leveite ao teu cuarto, canteiche a canción do gato e o rato que tanto che gusta e alí te deixei moi pouco convencida de que era hora de máis para durmir.
Agora os dous durmides pracidamente... ou case. O pelacho acaba de rebulir a causa de algún deses monstros cos que soña de cando en vez.
Que teñades felices soños, meus neniños.

Sem comentários: