14 fevereiro 2006

O outro día papá contouche por primeira vez un conto ao te levar para cama. Era dunha formiguiña moi pequena que saía por primeira vez coas compañeiras de formigueiro na procura de miguiñas para encher a despensa. Entre unhas herbas atopou unha miga mais, como a formiga era tan pequena e a miga tan grande, non era quen de a levantar para levala ao formigueiro.
O papá reveloume que nesta altura se decatou de que os teus olliños estaban a piques de se poñer a chorar de pena ao que el dicía: -... e non podía, non podía, porque era moi pequeniña, moi pequeniña... E mudou de ton: - ... Pero entón apareceu unha formiga grande que axudou a pequeniña a levar a miga ao formigueiro. E todas alí dicían para o teu contento: -Que miga tan grande e tan boa! Quen a atopou? -Foi a formiguiña pequena!
Mais de súpeto aconteceu algo que aínda non sabías ou non lembrabas. E é que os contos, do mesmo modo que teñen un comezo, teñen un final. E o da formiguiña rematara xa.
Debeuche saber a moi pouco porque te puxeches a protestar con moita insistencia, até que o papá che explicou que ese conto estaba rematado pero que che había de contar moitos, moitos contos máis de alí en diante.

1 comentário:

Anónimo disse...

:-) Que bonita!