27 março 2006

Pregúntome por que os nenos recoñecen tan cedo os números e por que gostan tanto de aprendelos e repetilos. Será porque ten o cálculo algo de innato? A pelacha sabe contar até dez e identifica as súas representacións escritas cando os ve. Non os coñece todos, só do un ao tres, mais sabe que son números e non letras. Tamén sabe diferenciar seu nome do do pelacho cando os ve escritos.
Hmmm, non é de todo certo isto que acabo de dicir porque hai un ao que lle ten certa manía. Négase a dicir o cinco. O catro chámao tato, e volve repetir tato cando pasa ao seguinte. Se lle dicimos insistentemente cinco, entón repite tato, tato! cada vez con máis empeño e a maior volume. Algo terá o cinco, pois.
Estes días está a durmir con moitos sobresaltos e malos soños, típicos da súa idade. A noite pasada fixo saír o papá unhas dez veces da cama. Hoxe comezaremos coa estratexia que tan ben nos fora co pelacho no seu momento.
Hoxe foi o papá falar coa profe do pelacho. As veces anteriores fun eu e decidimos que era importante que fose el aínda que tivese que facer o esforzo de chegar moi cedo.
A profe díxolle unha vez máis cousas que xa sabiamos: que é un neno moi inquieto ao que lle custa moito traballo centrarse para facer as tarefas que non lle interesan, que ten moita curiosidade por case todo e que é un negociador nato. Di que por moi chinchón que teña o día a calquera lle custa traballo enfadarse con el porque sempre ten na boca a palabra adecuada para mudar unha situación que vai por mal camiño. Nas súas propias palabras "como queira ser presidente do goberno, farao". Nós, desde logo, esperamos que se lle ocorran cousas máis interesantes que facer coa súa vida.

4 comentários:

Peke disse...

Presidente do goberno non, por favor. ;)

TXARI disse...

debe ser um mundo rebulindo dentro de cada pelacho!!!!!!!!!!!!!e conhecelo surprendenos tanto...!!

Anónimo disse...

Moito cambiarán, pero o da política facía por quitarllo da cabeza ;-)

leco disse...

Antes case preferiría que fixese a primeira comuñón ;)