20 março 2006

SEIS GRADOS DE SEPARACIÓN

Estou a ler este libro de Duncan J. Watts que me ten absolutamente hipnotizada. O subtítulo é: La ciencia de las redes en la era del acceso. Ciencia en tanto que constata ou define determinados fenómenos que teñen lugar na realidade que coñecemos, tanto no campo da física (como por exemplo o proceso a través do cal un pedazo de metal adquire as propiedades dos imáns) como no campo da socioloxía, cando fala de que o número de amigos que un individuo ten, a natureza da súa relación con cada un deles e, á súa vez, a de cada amigo cos seus propios, determina a morfoloxía e a dinámica da rede social á que todos pertencen.
Nas redes formadas por elementos simples e idénticos ou moi parecidos (como os spins dun pedazo de metal imantado) é simple definir o comportamento dos elementos que as forman ou facer previsións. Mais as redes sociais humanas están formadas por un conxunto heteroxéneo de individuos, que inclúe mesmo os que as estudan. Eis, imaxino, o fracaso anunciado de calquera perspectiva global que se pretenda atinxir sobre o comportamento deste tipo de redes.
E onde me leva todo isto que veño de explicar, e pido desculpas, de maneira moi burda pola miña falta de coñecemento?
Inevitabelmente ao sentimento relixioso.
De cativa imaxinaba a Terra, con todos nós dentro mais os que xa estiveran mais os que habían de vir, como unha dos moitos millóns de células que formarían o corpo dun xigante que nunca seriamos quen de ver. Desde hai anos non deixo de me preguntar por que ciencia e relixión coinciden en intentar dirixir a vista ao que está máis lonxe, cando se cadra non é tanto unha cuestión de distancia como de tamaño e limitacións inatas.
Non sei se me desacouga ou me conforta, cando menos divírteme, pensar que non se poida rebater a posibilidade de que entre o ser humano, a Terra e os límites do universo, sexan estes o que foren, pode haber a mesma distancia que entre un electrón, un átomo e unha molécula dun mesmo elemento: a carreiriña dun can.

10 comentários:

leco disse...

Este é un blog onde se fala máis sobre este mesmo libro:
http://fernand0.blogalia.com/historias/11761

acedre disse...

Gracias polo teu comentario tan optimista. A verdade e que mirando o que contas dos Pelachos parece todo unha festa. E o primeiro, si, e estamos un pouco asustados pero con ganhas de que chegue xa.
Un saudo e tenho que por unha ligazon para o teu blogo que antes visitabao via Bretemas.

leco disse...

Parabéns de novo, Acedre. E, a partir de agora, a receber grandes consellos e recomendacións de todas as partes mais non hai fórmula que valla ante unha miga de sentidiño. E con isto xa tedes o primeiro, hehe!
Beixiños

Anónimo disse...

Sorprendido me tes, leco.

Primeiro por este maravilloso blog. Despois pola rápida resposta na casa dos ventos. E por último por este post sobre os seis graos de separación.

Acedre, polo que vexo, pouco tardarás en falar de cousas de nenos... Noraboa!!!

Beijinhos.

Anónimo disse...

Despois de ler o teu comentario apúntome o libro para a primeira ocasión.
Bicos.

Alfredo Ferreiro disse...

Agradécense de vez en cando reflexións de certo calado como esta. Grazas, Leco

leco disse...

Por se pasar por aquí, Amigo Pawley, sería fantástico ler un post seu sobre distintas concepcións do mundo no cinema.
Dito fica.

Marinha de Allegue disse...

Tomo nota do libro e moitas gracias polos teus aloumiños e a túa visita, un pracer.
Unha aperta.
:)

Martin Pawley disse...

Mmm... precise un pouco máis a súa petición. A que se refire, exactamente?

leco disse...

Pois refírome por exemplo a (vou dar dous exemplos que certo que non eran dos que vostede elixiría) que en Men in Black mostran unha galaxia que se encontra no colgante que leva un gato pendurado do pescozo durante todo o filme ou á concepción do universo e da realidade de Matrix. Debe haber moitas máis, non?
Saúdos, Sr. Pawley.