24 agosto 2005

para o pelacho

Hoxe tiveche un dia terrível. Montache un bon cristo xa na comida. Pola tarde fomos ás trangalladas da festa da praza e subiche en todo, as camas de ar, etc. e aínda quedamos na praza até as oito pero nada foi suficiente para que non protestases por todo e me dixeses sistematicamente non a todo o que che dicía. Comezamos pronto coa adolescencia. Eu creo que en grande medida se debe a que papá esta a traballar de tarde e fáiseche pouco velo só ás mañás despois dunhas vacacións tan intensas pero é o que hai. Hai quen di que iso son ciumes, que é porque a pelacha fai cada día máis cousas e rouba protagonismo pero períodos así lembrámolos desde sempre. Non é que agora reclames máis atención porque está a pelacha senón que sempre reclamas moita atención e ás veces incluso máis. Paréceme moi normal aos catro anos.
Na cea boteiche unha bronca grande facéndome a enfadada, porque débeste ver tan seguro que hai que apertarte máis do que gostaria para facerche subir as bágoas aos ollos. Iso, a verdade é que me parece algo positivo porque non se debe a que sexas insensible, todo ao contrario, es un neno moi alegre que estoura de emoción coa cousa máis pequena, pero o mundo non xira arredor de ti. Tiven que dicirche cousas do calibre de que es un mentiroso incluso cando dis que me queres, porque logo non o demostras. Póñenseme os pelos de punta só de lembralo, pero é igual que o día que tivemos que explicarche o que podía pasarche se te perdías, as burradas que tivemos que dicirche para que nos creses. Esas non quero nin lembralas. Teu papá sempre di que como uses ben toda esa forza que tes, vas ser a bomba porque conseguirás o que te propoñas e non temos dúbidas de que así será.
Non sabes o que me tiven que conter para non abrazarte forte ao te deitares na cama e aguantar a cara seria até o final...

Sem comentários: