10 setembro 2005

O día 12 o pelacho cumpre 5 anos e hoxe recibiu como presente dos tíos o xogo de Monstruos S.A. e o de Nemo. Como é lóxico, estaba desexando chegar a casa para experimentar mais, como lle dixen que lles viña ben aos dous troulear un pedazo pola praza, accedeu sen problemas. Cando chegamos a casa por fin puxo os Monstruos el só e non pediu axuda até que comezaron a “matalo”, como el di. Entón decidiu probar o de Nemo con euforia até que se viu no mesmo punto. Mais, como o resultado era o mesmo púxose a chorimicar porque non axudaba e repetinlle que non o pensaba facer, que se rematas con facilidade un xogo porque che pasan as pantallas sen xogalas ti, logo vas perder a ilusión pola avebtura. Finalmente, e despois de repetir a mesma pantalla unhas trinta veces, conseguiche chegar ao seguinte nivel. Todo un logro.
Expliqueiche que cando desen as dez teríamos que desconectar a consola e que che pedía que non protestases porque o tería que facer de igual modo e cumpriches co que dixeras. A continuación, camiño da cama, dixécheme que te portaras moi ben todo o día e eu alegreime moito porque sei que cando o dis é de verdade.
Sempre teño a sensación de que escribo menos sobre a pelacha, pero é porque só ten quince meses e tamén porque o pelacho non ten acougo. Quedábame un detalle do outro día. Comentoume meu pai que unha tarde, entre os moitos paseos que dá pola casa dos avós, foi dar no baño porque lle gusta moito verse no espello de corpo enteiro. Tras unha morea de grazas e aloumiños á nena do espello, o avó díxoche que te despedises dela e dixeche adeus coa man. Mais cando andaras xa cinco ou sei pasos cara á sala, parache en seco e volveche para comprobar se realmente marchara. Levache sorpresa de vela alí de novo. Repetiche a proba unhas cinco veces e debéchela dar por imposível porque non volveche máis.
Andades os dous con catarro, a pelacha con mocos e o pelacho con resfriado intermitente, hoxe si, mañá non e así xa uns cantos días. O papá e máis eu andamos a piques de caer rebentadiños coa infección de gorxa que carretamos desde hai un par de días mais, se cadra, non acabamos de ter febre. Hoxe dubidei entre comezar a tomar antibióticos ou non, por iso de non abusar, pero botei contas dos anos que levaba sen levar á boca un mal Clamoxil e xa había vinte. Non creo que isto se poida chamar abuso. Lembro perfectamente que pillara unha gripe de cabalo que me quería deixar sen cantar no festival do instituto mais cuns bons pinchazos (daquela sempre te pinchaban cando tiñas febre) triunfamos cunha canción de Fuxan Os Ventos chamada Irmaus. Aquilo foi no curso 85/86, cando facía eu Terceiro de B.U.P.

Sem comentários: