22 setembro 2005

Que día! eu sigo a tope no traballo porque setembro semella non acabar nunca, papá anda a revisar a súa situación laboral co patrón e é o conto de nunca acabar, mañá marcho todo o día a unha reunión en Castropol onde pode arder Troia se, como parece, a acaba montando unha compañeira, mañá tamén chega de Portugal o amigo Amadeu. A última vez que o vimos aínda non nacera o pelacho mais cando nos pregunta por el, sempre lle chama o sobriño. Chegará pola tardiña, así que non poderei nin levalos ao hotel (neste momento non temos espazo para durmir dous convidados) porque papá traballa ate tarde pola noite e eu terei que bañarvos, darvos a cea e deitarvos. Falaramos da fin de semana mais finalmente optou por darnos unha sorpresa...) Hoxe o pelacho non foi ao cole por quedar co papá para velo polo menos un día na semana. Cunha miga de sorte a semana próxima papá voltará ao seu horario normal e andaremos todos algo máis relaxados.
Cando comecei a escribir este blog, hai unhas semaniñas, ocorréuseme porque pensei que vos faría graza dentro duns anos coñecer versións imediatas de pequenos anaquiños das vosas vidas que precisan dun soporte máis firme que a nosa memoria para persistir. Tamén pensei que sería interesante deixar constancia de acontecementos, noticias, modas e todos os datos á miña man susceptiveis de seren indicadores dunha época. Ocórrenseme infinidade de asuntos que quero relatar sobre todo en momentos en que non podo poñerme a escribir, como cando vou conducindo, e que máis tarde, cando estou por fin diante do ordenador non queren voltar á miña cabeza. Mais hai hoxe unha noticia en particular que me leva a outro asunto que non quero deixar de reflectir.
Hoxe soubemos que o PP, con Zaplana e Acebes (dúas das súas cabezas públicas e poderosas máis fachas) á cabeza, decidiu presentar un recurso de inconstitucionalidade ante o Supremo contra a lei de Matrimonio entre persoas do mesmo sexo. A lei foi aprobada hai uns meses polo goberno do PSOE coa imensa maioría do PP escandalizadamente en contra. Fora unha promesa electoral dun PSOE que gañara as eleccións uns eses antes. O PP sempre dixo mostrarse a favor da equiparación de dereitos dos homosexuais mais non confundindo tal cousa co matrimonio. Convocaron manifestacións públicas e fartáronse de berrar que tal lei atenta contra o concepto de familia (faltoulles dicir cristiá porque non se atreveron) porque abre as portas a outras combinacións de individuos que poderían reclamar o mesmo dereito. Por que negar o trío ou o cuarteto. Chega papá de traballar. Continuarei noutro momentiño que teño moitas ganas de velo

Sem comentários: