03 novembro 2005

Creo que acabamos de saír duns cantos días, polo menos dez, de pouco obedecer e moito desacougo por parte do pelacho que parece que xa van ficando atrás. Coincidiron cun momento de bastante complicación laboral tanto para o papá como para min e, así como a pelacha semellou non reparar, o pelacho mostrouse vivamente revirado. Agora que voltamos á calma nese sentido o pelacho voltou tamén ao rego.
Sábado fomos coñecer a nova casa de Loli e Eduardo, uns amigos que non vemos con moita frecuencia mais que queremos e nos queren de corazón; son desta xente que debe estar sempre ocupada en desexar o ben para os mais. Foi mágoa que chovese toda a tarde e non poidésemos dar nin un pequeno paseo por tan belo lugar mais houbo partida dun xogo de mesa moi entretido, conversa entrecortada para nos poñer ao día e suculenta merenda que nos tiñan preparada. O pelacho marchou cunha castaña, ten o costume de querer levar algo de todas as partes onde vai, e ao chegarmos a casa reparamos que arramplara cun pano bordado, seguramente da paneira, para que a castaña non lle queimase as mans. Ao día seguinte falamos por teléfono e non o botaran en falta. Xa temos escusa vara o próximo encontro… como se fixese falta.
Á noite viñeron pola casa Óscar e Suso e como sempre o sono nos pillou por sorpresa antes de que chegásemos a falar unha mínima parte de todo o que teriamos gostado. Agora que non facemos saídas nocturnas, é unha delicia recibir as visitas dos amigos, que veñen sempre cargados de ar fresco que deixar na nosa casa.
Domingo convidamos os avós maternos a xantar na nosa casa aproveitando que o resto da familia andaba de viaxe. Con catro pelachos que xuntamos entre nos e a miña irmá xa non é posible xuntarnos todos na nosa casa, non dan os metros nin os asentos.
E martes, día da Constiyución, convidounos miña irmá a xantar no Asador polo seu aniversario.

Sem comentários: