12 novembro 2005

BREVES

1.- M. e D. casan (a unha coa outra) o cinco de decembro. Deciden facer separación de bens e procuran notario nas Páxinas Amarelas. Como non teñen referencias de ningún escollen a única muller que aparece na listaxe. Resulta ser seca e opusina. Non podo evitar rir.
2.- Irene, a filla de Alicia e Aure, nacida hai case dous meses con outros dous meses de adianto e un quiliño de peso, xa está na súa primeira casa cos seus papás. Alégrome infinito polos tres.
3.- Mércores operaron a Sonia dun tumor nun peito. Perece que todo saiu tan ben como se esperaba. Só fica agardar os resultados da última proba. Serán óptimos. Estou certa.
4.- Tras meses de pensar que o meu posto de traballo tiña os días contados, comunícannos a noticia de que a empresa ten un novo plan de viabilidade que "asegura" a súa pervivencia até 2011. Por unha banda fico máis tranquila, por outra máis atada. Eu que xa andaba a deixar a miña imaxinación á solta... a pensar en todas as grandes aventuras laborais que sería quen de emprender, para perplexidade do papá... xa veremos. Sempre pensei que nunca me sentiría atada a un posto de traballo, nin aínda que fose de funcionaria, así que moito menos a un na empresa privada.
Este punto xa está a deixar de ser breve mais... non sei... a idea dunha escola de escritura, talvez para nenos e nenas, cada vez me ronda a cabeza con máis frecuencia.

Sem comentários: