08 novembro 2005

A pelacha acordou varias veces esta noite chorando desconsoladamente. Tiramos a conclusión de qur fora polo ruído dos camións do lixo e os que baleiran o vidro para reciclar ás cinco da mañá (que ecolóxico!) que pasan por baixo das nosas xanelas de vidro como o papel de fumar. Hoxe de mañá, cando a fun vestir díxenlle: ...e esta noite choraches moito... –ha!, respondeu ela, que é como di que si. –Choraches moitas veces... –ha!, volveu dicir. –e por que chorabas, neniña? Entón, sinalando a xanela coa man indicando movemento de ir e vir dixo: -ah, ah, ah! –Pasaban os carros? os camións? e ela respondeu: -ha!, satisfeita porque a tivese comrendido. É incríbel como se pode comunicar cunha persoíña de dezasete meses.
Por outro lado o pelacho preguntoume onte no carro sen vir a conto: -Mamá, que é a alma? Eu fiquei seca coa pregunta e díxenlle –Onde escoitaches ti falar da alma? para saber o tipo de resposta que debía darlle. –Nunha carta de Duel Masters, que ten o poder de roubar almas. A verdade é que xa pensei que o volveran meter na aula de relixión no colexio mais parece que por esta vez non fora así e comecei a elaborar sobre a marcha unha resposta minimamente aceptábel para el: -Pois mira, en primeiro lugar hai xente que cre que a alma é algo que non existe e hai outra que si. É algo que non se pode ver nin tocar, por iso hai xente que non cre que exista, mais a xente que cre que existe di que é unha parte das persoas que é a que fai que sintamos amor polos mais, que teñamos vontade de facer as cousas ben (non lle dixen por sermos bons porque o de ser bon ou mao, aínda que nós sempre evitamos dicirllo é algo que lle está a traer bastante complicación) e que desexemos que os mais sexan felices. –Ah, está ben. E con iso ficou satisfeito por esta vez.

2 comentários:

Peke disse...

Ola, pasaba por aquí a saudar. Benvida.

leco disse...

Obrigadiña, Peke. Recunca cando gustes!