16 abril 2006

LAWRENCE DE ARABIA

Unha tarde de hai catro anos e pico, sen saber ben por que lle pasou nese momento pola cabeza, o papá contouche por primeira vez o conto de Lawrence de Arabia, pelacho, cando te sacaba da ducha embrullado nunha toalla. Hipnotizoute de tal maneira o contacto co deserto, que durante moito tempo o papá volveuche contar a historia día tras día ao te sacar da ducha. Mais da mesma maneira que Awrence (Orens, como o chaman os árabes no filme de D. Lean) asomara no noso cuarto de baño unha tarde de ducha, desapareceu outra tarde e non se volveu saber del.
Hai uns meses, cando o galope do seu camelo volveu resoar nos oídos do papá comezou a cho contar a ti, pelacha. E desde ese día, todos.

A vosa historia comeza ao entrardes na toalla, talvez pola forma semellante a un turbante que suxire sobre as vosas cabeciñas. Papá cantaruxa o fragmento máis coñecido da banda sonora de Maurice Jarre: naaá-naaa—na-ná-ná-ná-naaá-naaa--na-ná-ná-ná-naaá-naaa—na-ná-ná-ná-naaaaá. E arrinca o conto (que o papá acaba de escribir para vós):

LAWRENCE DE ARABIA

[O pelacho ou a pelacha no colo, abrigados pola toalla, a verse comigo no espello, cantaruxando a banda sonora da peli e mergullando o corazón na seca e quente area da inhóspita Arabia]

Lawrence de Arabia camiñaba polo deserto co seu camelo... [dicimos que non coa cabeza] e non tiña auga. O sol queimaba a súa pel, o vento do deserto [asopro levemente o cabelo dos pelachos] abrasaba o seu cabelo, e Lawrence de Arabia [dicimos que non coa cabeza] non tiña auga. Entón, desesperado, ergueu os brazos [erguemos os brazos] para o ceo e clamou: “Meu Deus, axúdame, que morro!”. Ao baixar os ollos observou no horizonte a cor verde das árbores do deserto... e pensou [tocamos con dedo índice na fronte]: “Onde hai árbores hai... [xuntos:] auga, e onde hai auga hai... [xuntos:] vida! Corre, corre, meu cameliño, [camiño do baño ao cuarto dos pelachos imitando un trote cansino de camelo sedento] que alí hai un oasis!”. Cando chegaron, esgotados, viron un río de augas transparentes de dispuxéronse a beber: Lawrence sorbía auga da man [facemos que bebemos do cóncavo da man]; o camelo aplicaba directamente o fociño na auga [imitamos o camelo movendo a cabeza para adiante unha e outra vez]. E así, mais unha vez, Lawrence de Arabia superou a dura proba de atravesar o deserto.

4 comentários:

acedre disse...

Tenho que aprender eu contos destes para cando venha o meu "pelacho".
Por certo, mui bo o do home do tempo.

Anónimo disse...

Parabens o papá por ser o autor de tan bonito conto...
Bicos.

Peke disse...

Boto de menos, a pesar da idade, que me conten contos así.

Anónimo disse...

O mais lindo é conseguir que as tareas cotidianas se convirtan en máxicas unha día e outro. Mágoa que non sempre é posíbel. Agradecido polos parabéns.