14 janeiro 2006

Ademais de virus variados os Reis trouxeron gran cantidade de xoguetes para os pelachos e os primos, entre eles unha xeladeira coa que, segundo se podía ler na caixa, se poden facer "helados de verdad". Hoxe estreámola na casa dos avós.
O aparello consiste nuns cilindros de aluminio que hai que encher de xeo e sal e que hai que facer xirar para que mergullen continuamente na mestura de leite, nata e, neste caso, Cola-cao, que se coloca nunhas cubetas. Como tantos outros é este un xoguete demasiado difícil de manexar para os nenos que poden estar interesados nel e demasiado feble para as mans dos adultos. E neste caso eramos miña irmá e mais eu as que o estabamos a poñer en funcionamento ante as firmes miradas do pelacho e o primo, unha vez que o pelacho xa tirara por riba da roupa o mexunxe que estaba a remexer.
Nestas andabamos cando o pelacho comezou a tusir de maneira incontrolada. A tose converteuse en arcadas e as arcadas en vómitos que lle deixaron o estómago baleiro. Entre nós botámoslle a culpa ás flemas que semellaban voltar ao seu corpiño tras só un par de semanas sen catarro mais el sacounos de dúbidas:
-No fueron las flemas. Es que metí en la boca una cucharada de sal entera y cuando quise tragarla me pasó esto.
Tras animalo con sorna a que repetise a experiencia cando gostase, miña irmá e mais eu continuamos o desafío de fabricar "helados de verdad" mais eles xa perderan todo o interese. O primo marchou sen que nos desemos conta e o pelacho díxonos desde a porta da cociña: -Ya acabáis los helados vosotras... E, como tantas veces, ficamos nós as dúas a rematar o xogo mentres eles marchaban na procura de aventuras máis excitantes.

Sem comentários: